O musical familiar "Hansel y Gretel" chega a Pontevedra
Por Redacción
A Sede Afundación de Pontevedra acollerá a representación do musical familiar Hansel y Gretel, unha nova versión do clásico escrito polos irmáns Grimm. A produción chega a Pontevedra tras ser vista por máis de 100 000 espectadores durante a súa tempada no Teatro Fernán Gómez de Madrid e unha exitosa xira por teatros de toda España.
Xa están á venda as entradas para o evento, que será o vindeiro sábado 7 de outubro ás 17.30 horas.
Esta nova versión presenta aos dous irmáns que entran no bosque prohibido para atopar un tesouro que axude á súa familia a saír da pobreza. A través desta historia os espectadores coñecerán valores como a importancia da familia, o valor da amizade ou o respecto aos maiores.
Hansel y Gretel conta coa dirección, libreto e cancións orixinais de Miguel Antelo, director e adaptador do musical de Broadway Priscilla, reina del desierto e responsable da adaptación doutros musicais como Shrek, el musical ou Sonrisas y lágrimas.
Tamén conta con coreografías de Sonia Dorado, responsable doutras como as de Mamma mía ou Priscilla, reina del desierto e cun elenco de actores e actrices encabezado polo actor de Porriño Juan Antonio Carrera no papel de Hansel; Ruth Ge como Gretel; Miguel Antelo interpretando a Patas Tolas e Boris e, finalmente, Esther Izquierdo como Iselda.