Raxó estimula os escolares a coñecer a arqueoloxía
Por Redacción
O Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó (Poio) é durante este mes un túnel do tempo polo que se pode comprobar a recompilación do material obtida nas escavacións realizadas no Concello de Poio durante os anos 80 polo grupo arqueolóxico García Alén, vinculado ao Museo de Pontevedra.
Naquela década desenvolvíase en Poio unha experiencia pioneira centrada en trasladar a arqueoloxía á escola. E os estudantes participaban nos traballos de escavación da Mámoa do Monte de Mon e na necrópole medieval de San Martiño.
Con motivo do 30 aniversario daquela iniciativa desenvólvese esta exposición pola que xa pasaron escolares dos colexios Lourido e Chancelas. Este xoves finalizarán as visitas guiadas para estudantes cos Ceips de Viñas e Espedregada. O historiador Buenaventura Aparicio ofrece explicacións aos alumnos, que tamén participan en obradoiros didácticos.
A mostra consta de tres apartados que se centran na arqueoloxía, a Idade Media e o patrimonio relixioso e inmaterial. O proxecto conta con textos e fotos de Buenaventura Aparicio e do arqueólogo Antonio da Pena.
Esta exposición permanecerá aberta para todo o público durante todo o mes de outubro.