As mellores fotografías de natureza volven a Pontevedra
Por Redacción
O Café Moderno acollerá, a partir do próximo 19 de outubro, a exposición Fotógrafos da natureza 2016. European Wildlife Photographer of the Year, que recolle as fotografías presentadas a este prestixioso premio que, este ano, celebrou a súa edición número 24.
Todas as imaxes son instantáneas non manipuladas que mostran a natureza en estado puro, co obxectivo de concienciar ao espectador sobre a necesidade de preservar o medio natural.
A obra gañadora desta edición, asinada polo noruegués Audun Rikardsen, mostra a imaxe dunha orca emerxendo á superficie para respirar nunha mañá fría e escura.
Afortunadamente esta especie non está en perigo de extinción, pero a instantánea lembra a necesidade de mellorar a protección dos hábitats mariños e reducir os efectos da pesca descontrolada, a cantidade de contaminantes nos océanos ou a problemática do cambio climático.
No marco desta mostra, Afundación ofrece aos centros escolares a posibilidade de asistir á exposición e participar en diferentes propostas educativas elaboradas sobre ela.
A exposición poderase visitar ata o 20 de xaneiro de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 horas e os sábados en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 horas.