O xornalista marinense Carlos Prado estrea 'Homes de xeo', un documental sobre a Antártida

Por Redacción
O xornalista e realizador audiovisual Carlos Prado Pampín, natural da parroquia marinense de Mogor, estreará o seu novo traballo o vindeiro venres 27 de outubro (20:30 horas) na Biblioteca Pública de Marín.
Trátase do documental 'Homes de xeo: galegos na Antártida', unha obra gravada no polo sur durante a súa estancia a bordo do Hespérides o pasado mes de febreiro.
Prado viaxou á Antártida como enviado especial de laSexta Noticias, canle de televisión para o que traballa desde hai unha década, para realizar unha serie de reportaxes sobre o cambio climático e a súa incidencia no continente xeado. Froito desa viaxe, naceu a idea de gravar un documental propio.
"Comprobei que o barco estaba cheo de galegos, tanto mariños como científicos. Entón ocorréuseme a idea de gravar como viven os nosos paisanos o seu día a día nunha contorna como é a Antártida e metidos nun barco durante case 6 meses", explica o realizador.
'Homes de xeo' narra a vida de tres galegos no polo sur. Concretamente do xefe de cociña do barco, un científico, e o patrón de embarcacións do Hespérides. Ademais a intención é "mostrar a importancia que ten a Antártida para a saúde do planeta e como o quecemento global empeza a afectar a esta paraxe", recoñeceu Prado.
A entrada para presenciar a estrea na Biblioteca Pública será de balde ata completar o aforamento.