Os aloitadores de Amil coñecen as primeiras imaxes da película 'Trote'
Por Redacción
A Rapa das Bestas de Amil, en Moraña, acolleu o pasado mes de xullo a rodaxe de parte da película Trote, do director Xacio Baño, e este mércores a proxección de parte desas imaxes, xa editadas. Ocorreu durante unha visita á localidade de parte do equipo do filme.
Xacio Baño; o produtor executivo, Sergio Frade; e a actriz Tamara Canosa mantiveron un encontro cos aloitadores da Rapa das Bestas e coa veciñanza de Amil para amosarlles a importancia que a tradición e o patrimonio etnográfico acadan neste traballo cinematográfico.
Durante o encontro, Baño trasladoulles que "toda a vida imos lembrar a fin de semana que pasamos aquí con vós rodando na Amil" e que o equipo da película está moi contento "coa familia que se creou entre o equipo da peli e os aloitadores".
O encontro tivo lugar na Casa Cultural da parroquia e contou coa participación do deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e a deputada Eva Vilaverde, concelleira do BNG en Moraña. A película conta co patrocinio da Área de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra.
Eva Vilaverde destacou que "para nós a rapa xa era importante, porque é unha tradición que esta parroquia conseguiu manter ao longo do tempo, xeración tras xeración, e agora grazas a este filme vaise dar a coñecer polo mundo adiante" mentres que Xosé Leal incidiu en que "o patrocinio deste filme pretendía precisamente isto, poñer en valor o patrimonio e a lingua galega como elemento vehicular para amosar ao mundo unha realidade local e que, estamos seguros, vai acadar relevancia internacional".
Sergio Frade e Xacio Baño coincidiron en afirmar que as imaxes da rapa "quedaron espectaculares". A pesares de que "desde fóra a idea de meter as cámaras no curro dábanos moito respecto, porque é un lugar con animais, xente, caos, e non sabiamos como ía resultar", finalmente aseguran que a experiencia non puido saír mellor. De feito, "as imaxes da rapa son absolutamente fundamentais para a película".
No mes de xullo rodaron en Moraña máis de trinta persoas que despois continuaron a gravación durante catro semanas en diferentes localizacións. Entre o elenco de actores están María Vázquez, que interpreta a Carmen, a protagonista; Celso Bugallo como Ramón (pai); Diego Anido como Luís (irmán); e Tamara Canosa como María (amiga e parella de Luís).