Xornadas para recuperar a memoria histórica en Marín
Por Redacción
Este xoves 14 ás 20.00 horas, o salón de actos do IES Illa de Tambo será o escenario escollido para que a compañía Avelaíña Teatro abra os actos das Xornadas de Memoria Histórica que se desenvolven en Marín entre os días 14 e 16 de decembro. Representarán a obra 'A Lola' na que se recollen as situacións que vivían as mulleres durante a etapa franquista.
O venres 15, ás 18.00 horas, o Museo Municipal Manuel Torres acollerá o inicio do ciclo de conferencias coa intervención do profesor da Universidade da Coruña, Carlos Velasco, co relatorio "1931-1936. República e tecido social e político". Ás 18.30 horas, Xoán Carlos Garrido, investigador e membro da Iniciativa Galega pola Memoria, falará sobre "1931. A proclamación da República Galega" e a catedrática da Universidade de Santiago de Compostela Aurora Marco pechará a xornada cunha análise sobre as mulleres na Galicia republicana.
A partir das 20.00 horas presentarase o traballo de investigación 'Memorias de sal e terra. O ensino no concello de Marín (1867-1940)', de Xosé Manuel Moreira Docampo e Celso Xavier Milleiro, editado pola Deputación.
Durante a mañá do sábado 16, a partir das 10.30 horas, continuará o ciclo de conferencias coa intervención do catedrático de Historia, Bernardo Máiz Vásquez. Ao longo da xornada tamén ofrecerán conferencias sobre a represión franquista e o exilio galego, o investigador Xosé Álvarez e o profesor Uxío-Breogán Diéguez. A xornada finalizará coa presentación do libro 'Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio', de Manuel Pérez e Carlos Babío.
Xa o sábado 23 ás 13.00 horas, o Cemiterio da Raña acollerá o acto de inauguración dunha placa conmemorativa colocada como "lugar de memoria", en recordo das persoas que sufriron a represión franquista.
A Asociación pola Recuperación dá Memoria Histórica de Marín, que organiza estes actos, en colaboración coa Fundación Alexandre Bóveda e o Instituto Galego de Historia (Igalhis), pechará o ano lembrando o 31 de decembro ás 13.00 horas aos executados en 1936 no paseo Alcalde Antonio Blanco. O catedrático de Xeografía e Historia, Francisco Calo Lourido, intervirá neste evento.