Cinco espectáculos tributo a Queen, The Beatles, Michael Jackson e Mecano en Pontevedra
Por Redacción
Ata cinco espectáculos que renden tributo a bandas e artistas tan coñecidos como Queen, The Beatles, Michael Jackson e Mecano iranse sucedendo en Pontevedra ao longo dos próximos meses. Todos eles poderanse ver no auditorio de Afundación.
No caso da banda liderada por Freddie Mercury será por partida dobre. O domingo 21 de xaneiro chegará We Love Queen, un espectáculo que repasará a vida e obra deste histórico grupo musical. As entradas están xa á venda desde 18 euros.
Un mes despois, o 23 de febreiro, regresará a Pontevedra o que, para os críticos, o espectáculo de homenaxe a Freddie Mercury máis recoñecido no mundo: Doctor Queen. Neste caso, as entradas véndense a partir dos 20 euros.
The Beatles tomarán o relevo ao día seguinte, o 24 de febreiro. O espectáculo Imagine Beatles ofrecerá as mellores cancións da banda británica, replicando traxes e instrumentos da época. Prometen recrear toda a emoción e a enerxía dun auténtico concerto de John, Paul, George e Ringo. O seu prezo, a partir dos 25 euros.
O espectáculo Mecano. Hijo de la luna representarase en Pontevedra o 13 de abril. Nel, tras o seu paso polo concurso La Voz, Robin Torres rende homenaxe a un dos grupos favoritos da súa infancia, formado por Ana Torroja e os irmáns Cano. Un espectáculo traballado onde recrea a última xira da formación, Aidalai Tour. Poderase ver por un prezo de 20 euros.
Esta oferta terá o seu broche de ouro o 27 de abril con Michael’ s Legacy, avalado polo club de fans de Michael Jackson en España como o mellor espectáculo musical sobre o rei do pop na actualidade. A Jackson Dance Company está á fronte un grupo artístico de vinte persoas entre bailaríns, actores, cantantes e técnicos. Custará 15 euros por entrada.