O pianista Josu de Solaun dará este sábado o recital suspendido por unha caída
Por Redacción
Organizado pola Sociedade Filarmónica de Pontevedra, este sábado 30, ás 20:30 horas, no Teatro Principal, terá lugar o concerto do pianista Josu de Solaun.
O recital, que se ía a celebrar o pasado día 18, tivo que ser suspendido por mor dunha caída do músico por unhas escaleiras do aeroporto de Barajas, o que lle provocou múltiples contusións que lle impediron actuar.
Dotado dun estilo electrizante e unha prodixiosa capacidade de comunicación ao piano, Josu de Solaun é un dos pianistas españois máis prestixiosos da actualidade.
Único español en gañar os concursos internacionais de piano José Iturbi e o George Enescu de Bucarest, De Solaun está afincado en EEUU desde hai anos, onde imparte docencia na Universidade Estatal de Houston, traballo que alterna cunha intensa axenda internacional de concertos.
Josu de Solaun gravou recentemente a integral para piano do compositor romanés Georg Enescu, converténdose no único pianista que realizou unha gravación da totalidade da obra para piano do gran compositor romanés. O disco, editado por Naxos, está a ser encomiado de maneira unánime pola crítica especializada.
En Pontevedra, Josu de Solaun ofrecerá un programa con obras de Enescu, Chopin, Schumann, Brahms e Manuel de Falla.