Seminario sobre "O esplendor de Exipto" no Museo de Pontevedra
Por Redacción
O salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolle desde o mércores 24 de abril o Seminario de Exiptoloxía "O esplendor de Exipto: a dinastía XVIII. A revolución de Amarna e a restauración do deus Amón", que estará a cargo de Francisco Martín Valentín, director do Instituto de Estudos do Antigo Exipto e da Misión Arqueolóxica Española en Luxor, e Teresa Bedman, codirectora da mesma Misión.
A entrada é libre ata completar aforo, pero non obstante quen desexe obter diploma de asistencia deberá inscribirse previamente na secretaría do Museo (teléfono 986 804 100, ext. 42436).
O Seminario comeza ás nove e media da mañá do día 24, coa conferencia de Francisco Martín Valentín sobre "A guerra de liberación e os faraones guerreiros", para proseguir ás doce coa disertación de Teresa Bedman sobre "As mulleres da dinastía: desde Ahmes Nefertary a Hatshepsut", contemplándose para a sesión da tarde, ás cinco, a celebración dunha mesa redonda sobre o tema.
Para o xoves, día 25, ás nove e media e ás doce, están programadas as conferencias de Francisco Martín Valentín sobre "Amen-Hotep III e o seu tempo: as loitas de Amón fronte a Atón" e "A revolución de Amarna e a restauración do deus Amón".
A clausura está prevista para as oito da tarde do venres 26, coa conferencia sobre o proxecto que Francisco Martín Valentín e Teresa Bedman están levando a cabo en Exipto e coa posterior entrega de diplomas.