A Filarmónica organiza un concerto do grupo de música antiga 'Aquel Trovar'
Por Redacción
Organizado pola Sociedade Filarmónica de Pontevedra, este sábado 13, ás 20:30 horas, terá lugar no Teatro Principal o concerto do grupo de música antiga Aquel Trovar, formado por Delia Agúndez (soprano), Antonio Torralba (frautas e gemshorn), José Ignacio Fernández (guitarra e bandurria renacentistas) e Daniel Sáez (rabel baixo e colascione).
Os tres instrumentistas proceden do desaparecido grupo Cinco Siglos (1990-2016), co que tiveron unha ampla traxectoria de concertos e gravacións. E a soprano cacereña Delia Agúndez, de brillante e moi nutrida andaina no campo da música antiga, é tamén unha antiga colaboradora da mencionada formación.
A filosofía de 'Aquel Trovar' pode resumirse en tres ideas: respecto ás fontes, potenciación do poder evocador da música histórica e coidado do detalle. A investigación, o respecto á música en si, non lles parece que deba quedar debaixo da personalidade do artista: servir á música antes que servirse dela.
O traballo emocional deste conxunto céntrase na evocación, á que por certo aluden as palabras de Jorge Manrique (Coplas á morte do seu pai) que dan nome ao grupo: "¿Qué se hizo aquel trovar / las músicas acordadas / que tañían?". 'Aquel Trovar' traballa con constancia e intensidade para tentar dar o mellor das súas potencialidades coidando con mimo todos e cada un dos máis mínimos detalles.
As obras que se escoitarán o sábado no Teatro Principal están case todas elas recollidas no disco de música renacentista que Aquel Trovar acaba de publicar con gran éxito: Canciones de la vieja Europa.