De paseo con Goya da man dos nenos que participaron en A Procura do Tesouro
Por Redacción
170 nenos con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos participaron este ano nos Obradoiros de Expresión Dramática Plástica e Musical que organiza Migallas Teatro a través da Concellaría de Cultura de Pontevedra. Neste décimo cuarto ano consecutivo de actividades teatrais para os máis pequenos, englobadas dentro do proxecto A procura do Tesouro, desenvolvéronse 22 sesións nas que os pequenos descubriron os seus recursos expresivos e desenvolveron as súas capacidades creativas mediante o xogo dramático.
Desta experiencia nace De paseo con Goya. Trátase dunha obra colectiva a través da que se percorre de forma amena as diferentes etapas da vida e obra do coñecido pintor. O proxecto desenvolvido por María Campos e Carlos Yus busca achegar os nenos á arte como unha ferramenta de diversión e estímulo para a creación.
Esta obra representarase o domingo 21 ás oito da tarde no Teatro Principal de Pontevedra.