Os poetas Ángeles Mora, Eloy Sánchez Rosillo e Miguel d´Ors daranse cita na Casa das Campás
Por Redacción
A Casa das Campás de Pontevedra acollerá entre o 5 e o 10 de marzo a semana da poesía, un ciclo de seis días nos que haberá encontros con seis poetas, que recitarán algúns dos seus versos e protagonizán un coloquio. Estarán tres premios nacionais de crítica e poesía, Ángeles Mora, Eloy Sánchez Rosillo e Miguel d´Ors; e os poetas Pedro Sevilla; José Cereijo; e Amalia Bautista
A actividade, bautizada '6 días, 6 poetas', está promovida pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. O director da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, explica que o ciclo busca complementar a oferta cultural da cidade poñendo o foco nunha disciplina "que ten unha menor proxección" a través de seis poetas cunha ampla traxectoria.
Os organizadores programan cinco encontros ás 19.30 horas, todos eles con entrada libre ata completar aforo, e unha sexta sesión o sábado ás 11.00 horas. Expertos académicos e representantes do tecido cultural e educativo encargaranse de presentar cada día aos protagonistas dun ciclo no que cada participante terá liberdade á hora de abordar os seus poemarios na iniciativa.
O ciclo comeza o día 5 coa cordobesa Ángeles Mora, que en 2015 obtivo, pola súa obra Ficciones para unha autobiografía, o Premio Nacional da Crítica, recoñecida ao ano seguinte co Premio Nacional de Poesía. Autora dunha decena de poemarios, ten recoñecementos como o Premio Rafael Alberti. Presentaraa Ramón Rozas.
O martes 6 o convidado será Eloy Sánchez Rosillo, autor de dez libros de poemas que lle valeron recoñecementos como o Premio Adonais en 1977 e o Premio Nacional da Crítica en 2005 e que neste 2018 reuníanse na antoloxía Las cosas como fueron. Poesía completa, 1974-2017. A presentación correrá a cargo de Xaime Toxo, presidente do Ateneo.
O mércores chegará a quenda do gaditano Pedro Sevilla, autor que combina a poesía e a narrativa nunha traxectoria que iniciou en 1990 co poemario Y era la lluvia, amor. Obtivo recoñecementos como un accésit no Premio Internacional de Poesía Rafael Alberti en 1995. Vaino presentar o catedrático de Literatura Española da Universidade de Vigo José Montero Reguera.
O xoves corresponderalle a Fátima Cobas, profesora de lingua e literatura castelá no IES Valle-Inclán, introducir a Miguel d´Ors. Natural de Santiago de Compostela, ten publicado unha vintena de poemarios e foi recoñecido en 1987 co Premio Nacional da Crítica, combinando así mesmo a súa faceta poética coa de investigador e profesor, durante 30 anos, na Universidad de Granada.
O venres 9, o ciclo continuará con outro poeta de orixe galega, José Cereijo, natural de Redondela e residente en Madrid, autor de cinco libros de poesía, articulista e colaborador de diferentes medios de comunicación, que será presentado pola profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade Carmen Becerra.
Na mañá do sábado pasará pola Casa das Campás Amalia Bautista, cuxos poemarios teñen sido traducidos a linguas como o italiano, o portugués , o ruso e o árabe, que será presentada polo profesor de Filoloxía Inglesa da Universidade Jorge L. Bueno.