Toni Belenguer e Luis Giménez, estrelas de Jazz no Principal 2018
Por David Arana & Mónica Patxot
Jazz no Principal 2018 traerá á cidade este ano a dous dos músicos máis recoñecidos deste estilo en España e Europa, o trombonista Toni Belenguer e o guitarrista Luís Giménez.
Así o explicaban este venres 9 de febreiro a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, e o coordinador do Seminario Permanente de Jazz (SPJ), Luís Carballo. Ambos músicos compartirán escenario con alumnos do seminario os sábados 10 e 24 de marzo respectivamente ás 21:00 no Teatro Principal.
Segundo comentaba Luís Carballo, o obxectivo do SPJ é "crear unha canteira" na cidade, algo que levan facendo desde hai xa 14 anos. O feito de poder contar con músicos de talla internacional eleva o nome de Pontevedra como un referente do Jazz en Europa.
Ademais dos concertos, Belenguer e Giménez ofrecerán talleres de jazz no local do seminario (Rúa Alfonso XIII, nº7) abertos a calquera persoa que queira asistir. Estes terán lugar de 11:00 a 14:00 o mesmo día de cada concerto e outorgarase un diploma aos asistentes.
O prezo dos concertos é de 5 euros para o público xeral e de 3 euros para estudantes, parados e xubilados. As entradas están dispoñibles en venda anticipada en ticketea ou chamando ao teléfono 902 044 226 e unha hora antes do concerto no despacho de billetes do Teatro Principal.