As "Boas Prácticas" teñen premio
Por Sara López Lago
Apostar pola cultura ten premio. Isto é o que estes seis proxectos realizados na cidade teñen en común. A Feira Franca, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, Noites Abertas, o Seminario Permanente de Jazz, Sétima Feira e o Liceo Mutante son os proxectos que na noite do mércores foron recoñecidos no acto que se celebrou na Casa da Luz, dentro do programa 'Pontevedra ten un Puntazo'.
A Asociación Galega de Profesionais de Xestión Cultural quixo pór en valor estes proxectos, entre eles algúns que, de maneira excepcional, levan xa casi dúas décadas adicándose de cheo na difusión da cultura e, o máis importante, seguen traballando para intensificar ao máximo a participación e inmersión da cidadanía.
Estas actividades abarcan dende o fomento da literatura galega e da lectura entre os máis pequenos polo Salón do Libro Infantil e Xuvenil, pasando polos ciclos de cine e concertos do Liceo Mutante, ata as variopintas actividades que se organizan ano tras ano dende Noites Abertas.
Os obxectivos dos mesmos contribúen nin máis nin menos que a lograr crear "unha cidade máis digna para as persoas", como apuntaba a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, que participou no coloquio no que membros do equipo de cada un dos proxectos se presentaron ante o público para agradecer o recoñecemento e a implicación dende o Concello, comentar as súas impresións sobre a acollida por parte da poboación, e expresar a súa motivación e compromiso para continuar medrando e traballando moitos anos máis.
Unha das máis salientables intervencións foi a dos representantes de Noites Abertas, que proxectaron un vídeo no que participantes e monitores da edición anterior comentaban a súas experiencias, animando á xente a apuntarse a calquera das actividades do programa.
Os membros da organización aseguraron que a continua participación e as propostas da mocidade pontevedresa son os dous motores que manteñen o proxecto en marcha e vento en popa, tanto que xa vai pola súa decimonovena edición, "que se di pronto" como apuntou o director de actividades, Ignacio Márquez Collazo. Tamén recalcando a importante transmisión de valores que se leva a cabo, e recordando ós presentes que calquera que teña un talento ou unha boa idea non teña medo de presentala, e o máis probable é que se faga realidade na vindeira edición.
Na actual teñen ata 97 actividades gratuitas de todo tipo, impartidas por 137 monitores, todos eles voluntarios fascinados polo proxecto, ao que cada ano súmanse máis e máis participantes.
Resultado de máis de dous anos de investigación, o Banco Galego de 'Boas Prácticas' consultou máis de 400 persoas do sector, nun proceso no que foron escollidos 100 proxectos, seis deles nesta cidade.
Os criterios a avaliar foron a calidade do proxecto, o impacto integral no territorio, a sostibilidade e a inclusión de valores transformadores. Estes recoñecementos, entregados onte en forma de placa conmemorativa, non fan máis que manifestar o profundo compromiso da cidade de Pontevedra coa cultura e coas actividades que neste ámbito se desenvolven.