O Centro Coreográfico Galego celebrará o Día da Danza cunha actuación na Praza da Ferrería
Por Redacción
O 29 de abril é o Día Internacional da Danza. Co gallo desa efeméride, o Centro Coreográfico Galego programou unha serie de actuacións gratuítas en catro localidades, compartidas con varias escolas de baile galegas. A partir de este venres e ata o próximo 15 de maio en Lugo, Arteixo, Pontevedra e Ponteceso. No caso da cidade do Lérez será o 4 de maio, ás 19.00 horas, na Praza da Ferrería.
En todas estas representacións, o Centro Coreográfico Galego escenificará con cinco bailaríns e bailarinas a parte da coreografía Aínda asinada por Mercedes Suárez, que fora estreada en 2012 como fragmento do espectáculo completo do mesmo título. A peza ocupaba os primeiros 20 minutos da obra, para dar paso a continuación á creada polo coreógrafo francés Amaury Lebrun, integradas ambas á súa vez nun programa dobre no que se executaba tamén o Jardí Tancat de Nacho Duato.
A coreografía, que obtivo o pasado ano unha mención especial no Certame Iberoamericano de Danza Alicia Alonso convocado pola SGAE en colaboración co Ballet Nacional de Cuba, utiliza como referencia temática a riqueza cultural de Galicia e a simbiose que se establece coa compoñente atlántica. Con trazos de estilo contemporáneo, incorpora xestos e movementos da danza tradicional galega de total expresividade sobre un espazo sonoro composto polo grupo vigués ISGA Collective inspirado en melodías populares galegas.
O Centro Coreográfico Galego utilizará agora a creación para levar a cabo este ciclo de accións de promoción da danza a través de distintos formatos de exhibición combinada con formación. Así, o Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo acollerá a primeira destas sesións esta tarde, a partir das 20:00 horas, nunha xornada organizada polo Conservatorio Superior de Danza da cidade en colaboración con outros centros de ensino desta disciplina.
O Auditorio Municipal de Arteixo e a Praza da Ferrería de Pontevedra ofrecerán eventos similares os días 3 e o 4 de maio ás 20:45 e 19:00 horas, respectivamente, que tamén contarán coa participación do Centro Coreográfico Galego. Por último, a Aula Municipal de Danza do Concello de Ponteceso recibirá Aínda o 15 de maio para levar a cabo tres accións formativas cos alumnos do centro.