Guadi Galego inaugura as matinés do Principal
Por Alejandro Espiño
Cun concerto cargado de sorpresas. Así promete ser o arranque do ciclo As Matinés do Principal, que comezará este sábado 7 de abril en Pontevedra coa actuación de Guadi Galego, unha das referencias da música galega actual.
A partir das 12.30 horas, o público pontevedrés poderá gozar do fin de xira de Guadi Galego, no que a artista fará balance do seu terceiro disco en solitario, O mundo está parado, editado hai un ano.
Farao acompañada do cuarteto de corda e o trío de vento que lle dan esa sonoridade incrible a este traballo discográfico, que foi merecedor do premio da crítica en Galicia.
O mundo está parado está composto por dez temas que contan con letras que viaxan do persoal á reflexión colectiva sobre cuestións como a identidade ou a coherencia.
Os seus directos, lembran desde a promotora, teñen unha sonoridade envolvente con aroma pop, entre a tradición e a vangarda, que alcanza a súa madurez con este último traballo.