O negocio da liberdade e o compromiso mercedario
Por Redacción
Este venres no salón de actos do Café Moderno o pai mercedario Enrique Mora disertou sobre a redención de cautivos na Idade Media e Moderna expoñendo o concepto de cautivo e escravo.
En resumo, o escravo sempre o era, mentres que o cautivo tiña a posibilidade de ser rescatado por un prezo. E é aquí onde entran as diversas formas organizadas e lexisladas de rescate, que ían desde as esmolas ás subvencións oficiais, con todo tipo de documentación, permisos e autorizacións reais que tamén necesitaban os mercedarios para ir ás mazmorras para consolar na fe e redimir os cautivos que podían.
O relixioso fixo a súa exposición desde unha formulación sinxela, resaltando as diferenzas relixiosas entre católicos e musulmáns, evitando aqueles aspectos imaxinarios e románticos das redencións e facendo fincapé na actualización do obxectivo da Mercé: "Redención de cautivos", que se implica en atender a persoas marxinadas na sociedade, prestando apoio preventivo e axudar á súa reinserción na vida cotiá.
Bastantes asistentes que dialogaron co relator sobre feitos reais na nosa contorna. As súas aclaracións e puntualizacións foron aplaudidas polo público.
Enrique Mora é sacerdote mercedario, é licenciado en Estudos Eclesiásticos pola Universidade Pontificia de Salamanca, doutor en Historia Eclesiástica pola Universidade Pontificia de Roma, secretario do Instituto Histórico da Orde da Mercé e mestre de formación. No seu haber ten numerosas publicacións e traballos de investigación sobre a historia da orde mercedaria.
Esta conferencia está incluída nos actos que se están desenvolvendo con ocasión do Xubileu da Mercé, concedido polo papa Francisco, para conmemorar os 800 anos da fundación desta Orde Mercedaria.