"O negocio da liberdade", charla no Café Moderno sobre o voto mercedario
Por Oskar Viéitez
O salón do Café Moderno de Afundación acollerá este venres 27 de abril, ás 20:00 horas, a conferencia "O negocio da liberdade. As redencións de cautivos en época medieval e moderna", a cargo do mercedario Enrique Mora González.
O relator é licenciado en Estudos Eclesiásticos pola Universidade Pontifica de Salamanca e doutor en Historia da Igrexa pola Pontificia Universidade Gregoriana de Roma. Na actualidade é o superior de convento mercedario da Vera-Cruz de Salamanca e secretario do Instituto Histórico da Orde. Realizou diversas publicacións sobre historia mercedaria.
O tema desta charla é cuarto voto mercedario: redimir cautivos físicos e mentais. Esta actividade enmárcase no amplo programa de actividades impulsadas con motivo de cumprirse 800 anos de presenza mercedaria no mundo.
Por este aniversario a Santa Sede outorgou a todas as igrexas mercedarias o privilexio de ser templo xubilar durante todo o ano 2018 e poder gañar nel indulxencia plenaria, é o caso do Mosteiro de Poio.
Este indulto obtense co sacramento da confesión, a comuñón eucarística e o rezo dunha oración polas intencións do Papa.
O mosteiro de Poio, pertencente a esta orde mariana redentora fundada por Pedro Nolasco, ten previsto acoller nos próximos meses distintos encontros, como poden ser o de antigos mercedarios, o das distintas ordenes terciarias de toda Galicia e un gran festival de mozos.