Concha Velasco e Antonio Resines, 'de funeral' en Pontevedra
Por Redacción
Dous grandes da escena española, Concha Velasco e Antonio Resines, serán os encargados de pechar a tempada teatral de primavera en Pontevedra. O Pazo da Cultura acollerá este venres 8 de xuño, a partir das nove da noite, a representación da obra El funeral.
Trátase da obra coa que, segundo confirmou a propia actriz, Concha Velasco despedirase dos teatros españois tras unha longa e dilatada carreira sobre as táboas.
En El funeral, Velasco é Lucrecia Conti, a actriz máis importante do cinema, o teatro e a televisión de España. Tras o seu falecemento, organízase un gran velorio na súa honra nun teatro para que o público poida despedirse da súa admirada estrela.
A súa familia tenta poñer orde porque as mostras de agarimo cara á artista son tremendas. Pero todo cambia cando os asistentes quedan encerrados no teatro porque a pantasma de Lucrecia aparécese para despedirse ao grande.
Ademais de Antonio Resines, o elenco complétase con Clara Alvarado, Cristina Abad e Emmanuel Medina.
As entradas para esta función están á venda, a un prezo de 18 euros, a través de Ticketea.