"Variacións ao redor do mar", a exposición dedicada á cineasta e artista Agnès Varda
Por Redacción
Da man do Concello de Pontevedra e da Universidade de Vigo, inaugurouse na noite deste xoves no Pazo da Cultura "Variacións ao redor do mar", a exposición dedicada á cineasta e artista Agnès Varda.
Nove instalacións videográficas e preto dun cento de fotografías de diferentes épocas integran a que é a maior exposición desta artista en España e tamén unha das exposicións de maiores dimensións que ata a data se centraron nas facetas artística e fotográfica desta directora de 90 anos, cuxa traxectoria no mundo do cine ten sido recoñecida con premios como a Palma de Ouro de Cannes, o León de Ouro de Venecia ou, o pasado ano, o Óscar honorífico da Academia de Hollywood.
Ata o 26 de agosto poderá visitarse no Pazo da Cultura.
A comisaria desde hai máis dunha década das exposicións de Varda, Julia Fabry sinalou que "é a primeira vez que facemos unha exposición tan grande en España e case a primeira vez que facemos unha exposición desta magnitude", recoñecía.
A mostra reúne desde fotografías tomadas na década de 1950 a algunhas das instalacións máis recentes da artista e que ten como tema central "a relación de Agnès co mar".
CINEASTA, FOTÓGRAFA E ARTISTA
Nacida en 1928 en Bruxelas, Varda estudou na Escola do Louvre e na Escola Vaugirad en Francia, para iniciar en 1948 a súa traxectoria como fotógrafa que a levaría a facer reportaxes en China, Estados Unidos ou Cuba.
En 1954, estreou a súa primeira longametraxe, La Pointe courte que realiza tras pór en marcha a súa propia produtora, Ciné-Tamarís. Considerada un dos nomes de referencia da Nouvelle Vague, a única directora que integra ese movemento daría comezo así a unha ampla carreira como directora, que a levou a estrear preto dunha vintena de longametraxes ao longo das últimas sete décadas, a máis recente, Rostros e lugares, estreada o pasado ano.
Será no 2003, cando ás facetas de fotógrafa e cineasta sume á de artista plástica, amosando as súas instalacións na Biennale de Venecia, na Fondation Cartier de París, no CAFA Museo de Arte de Pekín ou, no ano 2012, no Centro de Arte Contemporáneo de Sevilla, na que fora a única exposición de Varda en España ata a data.
Relacionadas:
-
A exposición de Agnès Varda no Pazo da Cultura complétase coa edición dun catálogo sobre a creadora
Por Redacción |
-
O universo de Agnès Varda chega ao Pazo da Cultura de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra quere acoller en 2018 a exposición "máis importante" feita en España sobre Agnès Varda
Por Alejandro Espiño |
-
O campus de Pontevedra dedica un ciclo de cine a cinco directoras galas
Por Redacción |