Oscar Ibáñez & Tribo, en concerto no Parque Eguren de Marín
Por Redacción
O luns 9 de xullo ás 22:30 horas no Parque Eguren de Marín o gaiteiro e frautista poiense Oscar Ibáñez ofrecerá un concerto especialmente deseñado para as Festas do Carme coa colaboración dun centenar de músicos.
Deste xeito actuará acompañado dunha gran "Tribo" formada polos seus músicos habituais Fernando Fraga, acordeón, Ioana Pérez, violín, Carlos Calviño, guitarra, Paco Dicenta, baixo, Andrés Vilán, percusión e batería, e un cento de convidados das agrupacións locais Trompos ós Pés, Airiños de San Xulián, Os Chaneiros ou a Banda de Música de Marín, e artistas como a cantante marinense Montse Ogando, a percusionista sanxenxina Carla Villanueva ou a bailarina ferrolá Eva Faraldo.
No concerto de aproximadamente dúas horas de duración o gaiteiro repasará os temas dos seus traballos discográficos "Alén do mar" e "Aires de Pontevedra" ao tempo que interpretará algúns dos temas populares máis característicos de Marín, que arranxou con todo agarimo para a ocasión.
Segundo o artista, este espectáculo de gran formato é un dos proxectos de maior magnitude que ten levado a cabo nos últimos anos polo agradece a confianza e aposta do Concello de Marín e a implicación das agrupacións e artistas locais.