Os neoiorquinos Barbez ofrecerán en Pontevedra o seu único concerto en España
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
As ruínas de San Domingos acollerán o próximo sábado 21 de xullo, a partir das oito da tarde, o único concerto que dará en España a banda neoiorquina Barbez, que presentará o seu último traballo discográfico, que recolle as cancións protesta da resistencia da Guerra Civil e das Brigadas Internacionais.
A entrada para esta actuación será de balde ata completar aforo.
"É un luxo ter a oportunidade de encaixar este concerto na mesma semana que tivo lugar o alzamento fascista do 36 e cun grupo como Barbez, formado por músicos e músicas de primeira categoría, e que homenaxea a persoas que loitaron contra a barbarie e contra a inxustiza daquel momento", asegura o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.
Barbez é unha formación creada no ano 1997 en Brooklyn e que recorre a estilos musicais como o rock experimental, a música clásica ou ritmos folclóricos como a cumbia e o flamenco para versionar temas icónicos como L'Internationale ou Viva la Quince Brigada e adaptalos ao público actual.
O álbum foi gravado en vivo na Japan Society, en 2016, na xuntanza anual de veteranos da Brigada Abraham Lincoln. O máis destacado destas reunións sempre foi a interpretación das cancións protesta das Brigadas Internacionais, que foi dirixidas en varias ocasiones por Pete Seeger, un amigo de toda a vida dos veteranos de Lincoln, quen gravou moitas delas para o seu icónico álbum de 1944, Songs of the Lincoln Battalion.
As Brigadas Internacionais estaban formadas por decenas de miles de voluntarios de máis de cincuenta países que viaxaran a España para loitar contra o fascismo, entre os que se atopaban os 2.800 estadounidenses denominados a Brigada Abraham Lincoln.
Barbez está composto polo clarinetista Peter Hess, a intérprete de theremin Pamelia Stickney, o intérprete de marimba e vibráfono Danny Tunick, o guitarrista Dan Kaufman, a violinista Catherine McRae, o baixista Peter Lettre, e o batería John Bollinger; e neste traballo contan coa vocalista Velina Brown e os convidados especiais Dafna Naphtali na voz de fondo e Sebastian Faber na trompeta.
A banda, que conta con seis traballos editados, xa lanzara en 2013 Bella Ciao inspirado nas antigas melodías dos xudeus romanos e a resistencia italiana durante a Segunda Guerra Mundial.