Os Coribantes participan no Festival Nacional de Folclore de Calatayud
Por Redacción
O grupo Os Coribantes de Buchabade, de Ponte Caldelas, está este sábado en Calatayud participando na 19ª edición do Festival Nacional de Folclore, organizado por este concello zaragozano. Na actuación, que se celebra esta noite, compartirá escenario co grupo de Cors i Danses de Biar (Alicante) e co grupo de Jotas Virgen de la Peña de Calatayud.
A expedición caldelá, composta por medio cento de persoas, partiu o pasado xoves á media noite e aproveitou a xornada do venres para visitar Zaragoza. Este sábado está xa en Calatayud e participou durante a mañá nun acto oficial na Casa do Concello, onde foron recibidos por integrantes da corporación municipal.
Durante a recepción fixeron entrega dun agasallo institucional doado polo Concello de Ponte Caldelas, co que manteñen unha colaboración estable.
Na súa actuación desta noite, na praza de España de Calatayud, Os Coribantes, co seu persoal estilo que mestura a música galega con todo tipo de ritmos, farán unha representación na que non faltarán pezas dos dous discos que teñen publicados, "Camiños" e "Dende a ialma", incluíndo tamén pezas novas.
O grupo caldelán, formado por preto de 100 compoñentes entre os membros da banda e o alumnado da súa escola de música é unha agrupación moza, pois case todos os músicos teñen idades entre os 20 e os 40 anos.
Na súa traxectoria contan xa con actuacións en Barcelona, León, Murcia, Palencia, Badaxoz, Salamanca, Valencia, Asturias, Toledo, Talavera de la Reina, Cantabria, Cuenca, Barcelos, Famaliçao e Oporto, entre outros. En xuño de 2016 foron invitados a participar no Festival dos Países Celtas na localidade francesa de Châtelaillon-Plage, en plena rexión da Bretaña.