SondeSeu presentou 'Arraianos' nas Festas da Peregrina cun potente espectáculo
Por Diego Torrado & Redacción
A Orquestra SondeSeu coa presenza de músicos da calidade de Xuacu Amieva, Luís Peixoto e Vanesa Muela ofreceu un espectáculo cheo de forza e sentimento no escenario da Praza de España no terceiro concerto masivo das Festas da Peregrina 2018.
A música tradicional e folclórica mostrou a súa versión máis actualizada á cargo dunha agrupación fundada no ano 2001 polo músico Rodrigo Romaní, ex integrante de Milladoiro.
A primeira orquestra folk de Galicia presentou o seu traballo 'Arraianos', un traballo no que se recollen non só referencias á música popular de Galicia senón tamén as melodías e ritmos de Asturias, Portugal ou Castela-León. Cunha posta en escena coidada e potente, o público gozou das interpretacións destas pezas musicais.
Este martes, ás 22.30 horas, a praza de España contará cun espectáculo de dj' s mentres que na Ferrería actuará, á mesma hora, o cantautor galego Andrés Suárez.