Un thriller abafante sobre o fundamentalismo islámico chega ao Principal con Amal en Ruta
Por Redacción
Este xoves 6 chegará unha nova sesión do ciclo de cinema árabe 'Amal en Ruta' coa proxección da película 'Eshtebak-Clash', un thriller que aborda o fundamentalismo islámico.
Esta película desenvólvese na cidade do Cairo, durante o verán de 2013, tras a revolución exipcia. Un camión de policía leva a decenas de manifestantes con motivo da expulsión do presidente Morsi. Toda a acción prodúcese no interior do furgón policial provocando unha situación de abafo e tensión ao espectador. A cinta logrou os premios a mellor novo director para Mohamed Diab e mellor fotografía en 2016 no Festival de Valladolid- Seminci.
A sesión comezará ás 21.00 horas no Teatro Principal e a entrada é gratuíta. O ciclo Amal en Ruta continará o venres e o sábado coa proxección de 'Cairo Jazzman', de Atef Ben Bouzid e de 'Ali, a cabra e Ibrahim', de Sherif El Bendary.