Máis espazos e máis pases para os espectáculos familiares do Festival das Núbebes
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Durante cinco días, Pontevedra volverá ser o centro de atención familiar con espectáculos de teatro, danza ou música destinados a menores de tres anos. Do 21 ao 23 de setembro e o 29 e 30 deste mes celebrarase a sexta edición do Festival das Núbebes no centro histórico da cidade.
Nesta ocasión, estréanse dous espazos para albergar espectáculos: o CITA (Centro de Interpretación das Torres Arcebispais) e a sede social do Casino Mercantil. A eles súmanse o Teatro Principal, a Casa Azul, a Casa das Campás e a praza do Teucro.
Este luns, a concelleira de Cultura Carmen Fouces, acompañada de Andrea Bayer e Óscar Ferreira, de Baobab Teatro, presentaban acompañados do personaxe Roque a programación prevista para este ciclo, que contará co nutricionista Julio Basulto como un dos principais atractivos.
O dietista é unha persoa radical en relación coa alimentación que deben asumir os menores, segundo explicaba Fouces. As súas intervencións serán no Teatro Principal coa conferencia 'Se me hace bola', ás 11.30 horas e 'Comemos lo que vemos en nuestros padres' a partir das 16.15 horas.
As actividades de toda a programación comezarán o venres 21 coa inauguración do ciclo coa presenza do personaxe Roque e artistas convidados a partir das 18.30 horas no Teatro Principal. Os espectáculos dos seguintes días contarán con varios pases para adaptarse ao público.
As entradas, dos espectáculos de pago, poderanse adquirir de maneira anticipada en Ticketea mentres que as gratuítas será necesario recollelas durante o mesmo día.
A guerra de almofadas desenvolverase durante a mañá do domingo 30 coa actuación de Hakuna Matata na praza do Teucro e o espectáculo de clausura correrá a cargo de Charo Pita e Baobab Teatro con 'No país no vento' e a actuación de Roque.
Ademais desenvolveranse talleres para profesionais: o venres 21: 'Atención Temperá' o domingo 23: 'A linguaxe de signos na primeira infancia' e o domingo 30: 'Entender a fisioloxía para respectar e avanzar'.
Andrea Bayer e Óscar Ferreira sinalaron que se van a estrear dúas montaxes: 'Levántate xa' e 'No país do vento', ademais de destacar a actuación de Eugenia Manzanera na Casa das Campás coas 'Historias con Candela'.
Relacionadas:
-
Almofadas veñen e van para pechar o Festival das Núbebes
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Toca ir despedíndose do Festival das Núbebes
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Comeza o VI Festival das Núbebes, artes escénicas para bebés e familias
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Que só haxa unha guerra, a de almofadas!
Por Redacción |