Unha charla dará a coñecer a historia dos irmáns Nodal no Museo de Pontevedra
Por Redacción
O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá o vindeiro martes 25 de setembro unha conferencia sobre a historia dos irmáns Nodal.
A cita celebrarase coincidindo co 400 aniversario da súa expedición o Estreito de Magallanes, unha expedición que a pesar dos seus logros cartográficos e náuticos segue a ser unha historia descoñecida para moita xente.
Por iso o ciclo de conferencias ten como obxectivo divulgar a historia e logros destes expedicionarios pontevedreses.
Organizado por David Rodríguez Couto, a xornada comezará ás 17:00 horas e continuará cunha charla do propio Rodríguez Couto, alumno de postgrado na UNED, titulada "As claves históricas da expedición dos irmáns Nodal (1618-1619)".
Ás 18:00 horas será quenda de Alfonso Fernández Pousada, arquiveiro de Santa María a Maior, coa intervención "Tras a senda dos Nodal: destino, Pontevedra", mentres que ás 19:00 horas pechará as conferencias Sergio Meis Casalderrey, profesor do CEIP Ponte Sampaio, con "A historia local, excelente recurso motivador na aula".