Estudantes do campus adaptarán o Apocalipsis Z de Manel Loureiro aos videoxogos
Por Redacción
A saga Apocalipsis Z foi a historia que deu a coñecer ao escritor pontevedrés Manel Loureiro. E máis de dez anos despois segue a inspirar novos proxectos. É o caso do traballo que realizarán unha trintena de estudantes da Universidade de Vigo, dos campus de Pontevedra e Vigo, que adaptarán esta historia ao mundo dos videoxogos.
Esta historia de zombis será a fonte de inspiración para o traballo de deseño do primeiro nivel dun videoxogo que, ao longo do primeiro cuadrimestre, desenvolverán alumnos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
Estudantes de cinco materias integran os equipos multidisciplinares que protagonizan a iniciativa que impulsa por segundo ano o grupo de innovación docente ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte), co propósito de achegar a alumnado de diferentes perfís aos procesos de traballo da industria do videoxogo.
"Poder participar dunha formación divertida como esta é un privilexio ao que non podía dicir que non", salientou Loureiro, que este mércores coñeceu no campus pontevedrés as ideas de videoxogo inspiradas na súa novela nas que catro equipos de estudantes traballarán nos próximos meses.
A historia de como unha pandemia converte en zombis á poboación mundial convértese deste xeito no punto de partida dunha serie de traballos que, ao remate do cuadrimestre, deben constituír o primeiro nivel completo dun videoxogo.
"Dixémoslles que íamos valorar moito a súa creatividade, co que non sería de estrañar que, aínda que recollan os elementos e o universo de Manel Loureiro, os xogos sexan algo completamente distinto ao que poderíamos imaxinar nun xogo de zombis típico", salienta a docente Beatriz Legerén, unha das coordinadoras de esta iniciativa.
Ademais de coñecer as propostas de videoxogo do alumnado, o autor de Apocalipsis Z compartiu con este grupo un coloquio sobre "como se constrúen as historias", no que puxo de relevo o potencial dos videoxogos, como "unha nova fronteira da narrativa, unha nova forma de contar historias, que ten as súas propias regras" e que polo tanto constitúe un "desafío para todos os creadores".
Relacionadas:
-
Manel Loureiro, de 'Fulgor' a televisión: "Estou desenvolvendo unha serie para un canal nacional e outra a nivel internacional"
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
O 'apocalipsis zombi" de Manel Loureiro, á conquista do mercado do comic da man de Vicente Vegas
Por Alejandro Espiño |
-
Manel Loureiro: "Se cando empecei con Apocalipsis Z dinme que tería este éxito, pensaría que están tolos"
Por Alejandro Espiño |