Dúas películas da directora alemá Valeska Grisebach, en novembro no CineClube Pontevedra
Por Redacción
O Cineclube de Pontevedra ofrecerá en novembro dúas películas da directora alemá Valeska Grisebach, unha das voces cinematográficas clave de Europa desde que o seu filme de gradación, Mein Stern, gañara o Premio da Crítica no Festival Internacional de Cine de Toronto e o Gran Premio do Festival de Cine de Turín.
Como Kelly Reichardt ou Claire Denis -directoras xa habituais na programación do Cineclube Pontevedra-, Valeska Grisebach constrúe dende o detalle, a elipse, a cicatriz e o desexo irresoluble dos seus personaxes.
A primeira película que se proxectará, o martes 6 de novembro ás 20.00 horas, é Sehnsucht (Nostalxia), que presenta a historia de Markus, un home casado que ten unha vida tranquila pero que está a piques de atoparse con outra das súas vidas posibles, de se enfrontar á dúbida, á perpetua insatisfacción, ao desexo irresoluble de ser outro.
Sehnsucht é, en definitiva, a tráxica historia de Markus e Ella: contada, cantada, bailada, suxerida, mostrada.
Pola súa banda, o martes 26 de novembro será a quenda de Western, na que un grupo de traballadores alemáns chega a un pequeno lugar da Bulgaria profunda para construír unha central hidráulica. Cargados de superioridade moral, establécense alí coma se fora un territorio conquistado.
É un filme que reflexiona sobre as grandes diferenzas socioeconómicas e culturais entre os países da Unión Europea mediante un relato de tensión latente, sen artificios, que bebe dos códigos máis elementais dos filmes de vaqueiros.
As dúas películas proxectaranse en versión orixinal subtituladas ao español.