Escolares de Pontevedra coñecen instrumentos insólitos nun concerto didáctico
Por Redacción & Mónica Patxot
Máis de 3.200 escolares de 57 colexios de Pontevedra e arredores asisten, durante tres días, á representación de El mágico planeta de los instrumentos insólitos, a nova proposta teatral da compañía Fetén Fetén.
Todos eles acoden ao auditorio de Afundación en Pontevedra, onde da man de Diego Galaz e Jorge Arribas, recoñecidos músicos internacionais, os nenos emprenden unha viaxe a través dos diferentes ritmos e melodías da música popular española.
Este concerto didáctico busca transmitir valores sobre a reutilización, a pobreza, a imaxinación e a importancia de coñecer as nosas tradicións, usando algúns dos instrumentos máis incribles da historia da música como o violín trompeta, a serra musical, a á de voitre, o theremin ou a frauta cadeira de cámping.
Con esta proposta, Afundación desenvolve unha actividade na que o coñecemento das expresións culturais tradicionais e o valor da música como código de aprendizaxe danse a man nunha entretida obra de teatro.