A fronteira será o tema de debate na vindeira edición da Semana Galega de Filosofía
Por Anxo Lourido
A Aula Castelao de Filosofía anunciou, a través das súas redes sociais, a temática que centrará a edición XXXVI da Semana Galega de Filosofía que está previsto que se celebre en Pontevedra, entre os días 22 e 26 de abril de 2019. O tema de debate será a filosofía e a relación coa fronteira.
Desde este colectivo solicítase o envío de comunicacións relacionadas con este tema. Estas comunicacións serán publicadas durante as datas de celebración da Semana. O prazo de admisión finaliza o 31 de xaneiro de 2019.
Estas comunicacións deben ter unha relación clara co concepto da fronteira, estar escritas en lingua galega, non superar as 300 liñas e nunha folla especificar o título, a autoría, a dirección, o teléfono e o correo electrónico. No encabezamento do escrito tamén deben figurar estes mesmos datos, agás o número de teléfono.
As comunicacións, segundo indican desde a organización da Semana Galega de Filosofía, deben dirixirse por correo electrónico a aula@aulacastelao.com enviando o documento que se presenta como ficheiro adxunto.
A Aula Castelao de Filosofía formouse no curso académico 1981-82 e desde entón é un espazo crítico e de debate que todos os anos celebra un encontro onde se analizan temas de actualidade con algunhas das figuras máis importantes do ámbito cultural, social e filosófico.