A Deputación convoca un posto para dirixir o Museo tras a xubilación de Carlos Valle
Por Redacción
A Deputación Provincial de Pontevedra acaba de sacar a concurso un posto para cubrir a dirección do Museo de Pontevedra, que está vacante tras a recente xubilación de Carlos Valle, que foi director da entidade durante 32 anos.
A convocatoria, na que está traballando o departamento de Recursos Humanos da Deputación, prevese publicar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra de xeito inminente.
A praza estará dirixida a persoas que teñan a condición de funcionarias de carreira ou laborais fixas das administracións públicas do grupo A1 e que estean en posesión do título de Historia da Arte, Belas Artes, ou calquera outra disciplina análoga relacionada coas humanidades e ter unha experiencia profesional acreditada.
A selección entre as persoas aspirantes realizarase seguindo principios de mérito e capacidade e criterios de idoneidade, competencia profesional e experiencia. Así, valorarase ter exercido funcións de dirección, xerencia, coordinación ou programación de museos ou centros de arte en calquera das administracións públicas; así como acreditar experiencia no desempeño de postos de responsabilidade no ámbito da cultura e no establecemento de relacións institucionais a nivel nacional e internacional.
Segundo informou a Deputación, para cubrir esta praza tamén está previsto esixir que as persoas aspirantes presenten un proxecto de dirección e organización do museo que debe incluír o enfoque de xénero de xeito transversal, a posta en valor das coleccións existentes e unha proposta de musealización enfocada á reapertura dos edificios actualmente pechados ao público.
Ao igual que noutras convocatorias para postos directivos da Deputación, no exercicio do cargo, a nova directora ou director do museo quedará sometido aos principios de interese xeral, integridade (sen incorrer en risco de conflitos de intereses), obxectividade (tomando decisións á marxe de posición persoais, familiares, corporativas ou doutra índole), transparencia e responsabilidade, e austeridade (xestionando os recursos públicos con eficiencia e racionalización do gasto).
Dado que Valle xa se xubilou, durante o período que transcorra ata a resolución da convocatoria, o museo continuará coa actividade diaria e coa programación prevista baixo os criterios técnicos do persoal dos distintos departamentos que o integran.
Relacionadas:
-
Comisións Obreiras alerta do perigo de "inxerencias políticas" da Deputación na dirección do Museo
Por Oskar Viéitez |
-
Buscan "solvencia e experiencia" para a dirección do Museo de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O deputado de Cultura agarda que esta semana saian as bases para a escolla da persoa que dirixirá o Museo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A 'Peña da Boina' homenaxea a Carlos Valle como persoa destacada do ano en Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado |
-
A persoa que dirixa o Museo de Pontevedra escollerase nun concurso "por meritocracia pura e dura"
Por Oskar Viéitez |