Iago Fernández, un batería do Seminario Permanente de Jazz que marca o ritmo do mellor trompetista do mundo
Por Anxo Lourido
Avishai Cohen está considerado como un dos mellores trompetistas do mundo. O músico israelí obtivo o ano pasado o premio ao mellor trompetista que concede a revista Downbeat. E neste 2013 quería realizar a súa xira por Europa cunha batería española de categoría. Esa batería é Iago Fernández, un mozo de 26 anos, nacido en Cangas do Morrazo e que pasou anos formándose no Seminario Permanente de Jazz (SPJ) de Pontevedra.
Iago explica como Avishai Cohen se puxo en contacto con el a través do saxofonista Jesús Santandreu co que a batería galega tocara moitas veces e como rapidamente conectaron. A xira levounos polas cidades italianas de Ferrara e Milán, París, Barcelona, Valencia, Madrid, Bilbao e A Coruña. O éxito acompañou o trío que se completaba co contrabaixista Omer Avital en todos os concertos nos que completaron o aforamento e obtiveron magníficas críticas. Aquí podedes ver un dos temas interpretados no Filloa Jazz Club da Coruña polo trío:
Agora, o batería proxecta pasar tres meses de 2014 en Nova York estudando e facendo sesións mentres planea gravar o seu segundo disco, no que contará coa colaboración do propio Avishai Cohen e seguramente, o álbum será editado polo selo Fresh Sound New Talent de Barcelona.
Iago Fernández recoñece que "a crise está poñendo difíciles as cousas, posto que moitos festivais déixanse de facer ou pagan case a metade de caché. Pero hai algo positivo, que a xente desperta a nivel cultural e nótase como crece o interese. Como me dicía o guitarrista Virxilio da Silva o outro día, "eu sempre estiven na merda, agora sigo na merda"". O músico galego admite que "os músicos, en xeral, escollemos un estilo de vida de poucos luxos, mentres sobrevivamos todo vai indo".
Os inicios de Iago no mundo do jazz foron a través do Seminario Permanente de Pontevedra: "Non sei moi ben por que motivos comecei no jazz. Eu estaba no conservatorio e interesoume o SPJ, pouco a pouco funme enganchando grazas tamén a certos discos de Coltrane que me regalara meu pai".
O seu ingreso no Seminario de Jazz de Pontevedra que coordina Luis Carballo produciuse no 2002 e durante catro anos realizou concertos e másters classes fundamentais na súa formación. Como resultado daquelas experiencias gravou Agromando, o seu primeiro disco no que lideraba músicos do talle do pianista Xan Campos e do baixista Demian Caboud. Nese traballo ofrecía versións de Pyramid Song de Radiohead ou de Oceano de Djavan nunha combinación extraordinaria de rock e jazz.