Sete falares: 12 citas narrativas para todos os gustos
Por Redacción
O narrador Quico Cadaval será o encargado de abrir o segundo encontro internacional de contadores de historias Sete Falares. O acto desenvolverase no Pazo de Mugartegui o xoves 6 de xuño ás 8 da tarde con música de 7Bis Clarinet Quartet. A entrada será gratuíta igual que as de todas as actividades do venres 7 que comezarán tamén en Mugartegui ás seis da tarde con Raquel Queizás e continuará no Teatro Principal con Celso Fernández e Antonella Giraldi. Xa en sesión nocturna, Quico Cadaval e Luis Correira ofrecerán historias ás 22:30 horas nunha sesión ao aire libre nas ruínas de Santo Domingo.
Por 1 euro, os pais que queiran levar ao seu bebé a escoitar contos á Casa das Campás poderán gozar o sábado 8 de Susurros de Algodón a cargo de Beatriz Montero, a coordinadora da Rede Internacional de Cuentacuentos. As entradas terán que adquirirse no despacho do Teatro principal dende unha hora antes das funcións. A primeira será ás 11 h. e a segunda ás 12:30 h.
Pola tarde, as narracións serán contadas no CITA e nas Ruínas de Santo Domingo ata que pola noite se desenvolverá a ruta de historias por Pontevedra con 4 grupos de 40 persoas. Unha actividade que contou con moi boa aceptación durante os Sete falares de 2012.
CONTOS NA RÍA
O domingo 9, o grupo pontevedrés Pavís Pavós contará Historias dá Marquesa no Pazo de Mugartegui a partir das 11 da mañá. Ás 13:30 comezará outro dos puntos fortes deste ano, a viaxe en barco pola ría dende As Corbaceiras. As entradas pódense adquirir no peirao por un prezo de 20 euros cun desconto de 5 euros para os desempregados. A viaxe pola ría inclúe a comida con empanada, mexillóns e xamón, co acompañamento das historias de Celso Fernández.
Beatriz Montero ofrecerá unha sesión sobre o amor no CITA ás 19 horas e o encontro finalizará coa roda de narradores na que participan todos os contadores desta edición. Será a partir das 9 da noite nas Ruínas de Santo Domingo con entrada libre.
En Youtube pode verse un resumo de TVAletria da edición de 2012: