Pousos da Area chama os marinenses a un novo Serán
Por Oskar Viéitez
A Asociación Folclórica Pousos da Area presentou a VI edición do Serán que se celebrará o próximo sábado 26 de xaneiro no Local Multiusos do Mercado de Abastos en Marín.
Nesta edición, contarase cunha mostra de artesanía a partires das 18:00 horas e ás 19:00 horas comezarán xogos tradicionais.
Ás 21:00 terá lugar na Alameda Rosalía de Castro a denominada "Chamada ó Serán" que tradicionalmente se facía nas encrucilladas dos camiños das aldeas para avisar ós veciños da celebración do Serán.
Ás 21:30 comeza o Serán propiamente dito, no que diferentes grupos chegados de moitos puntos da provincia tocarán pezas tradicionais para animar ós bailadores e asistentes ó evento. Ofrecerase chocolate con rosca e xa pola noite farase unha queimada co tradicional conxuro.
Este evento contémplase dentro dun dos principais obxectivos da asociación: a creación de proxectos encamiñados á difusión das nosas tradicións, tanto en espectáculos coma na rúa, un traballo que comezaron no ano 2014.
O Serán é un tipo de reunión de carácter festivo que se celebraba nas aldeas de Pontevedra e Ourense ó caer o día, constituindo un punto de encontro da veciñanza da aldea para a diversión despois dos duros traballos da xornada.
Xuntábanse mozas e mozos para bailar e cantar coa intención de coñecerse e pasar un bo rato todos xuntos. Normalmente, acudía tamén a xente maior da aldea para "vixiar" ós mozos e, a maior parte das veces, eran as as persoas maiores as encargadas de cantar e tocar.
Os responsables de Pousos da Area indicaron que en Marín, esta tradición perdeuse hai máis de cen anos e non se atoparon testemuños escritos da súa clara existencia, aínda que deberon de existir nas aldeas do interior do concello, xa que hai xente que recorda que seus pais ou avós falaran sobre este tipo de reunións.
En cambio, nas aldeas do interior da provincia de Pontevedra, esta tradición conservouse até mediados do século pasado. Aínda hai xente que recorda ir ós seráns sendo mozos e constitúen a mellor referencia para saber como eran en orixe estas festas.
Relacionadas:
-
O tradicional Serán de Pousos da Area recunca este sábado en Marín con actividades para toda a familia
Por Redacción |
-
A Finca de Briz, escenario do II Festival folclórico Pousos da Area que se celebra este sábado 11
Por Redacción |
-
A asociación Pousos da Area amosa traxes tradicionais e documentos históricos
Por Redacción |