Nace "As Eduardas", un clube de lectura feminista
Por Redacción
Marta Gómez, responsable comarcal de Galiza Nova Pontevedra, e Uxía Couto, responsable comarcal da Asemblea de Mulleres, presentaron este martes unha iniciativa da última xuntanza da Asemblea de Mulleres: a realización dun clube de lectura feminista, baixo o nome "As Eduardas", en homenaxe á "Carta a Eduarda" e a Rosalía de Castro.
"Na actualidade do movemento feminista hai unha grande necesidade de formación e por iso que dende Galiza Nova, como organización política que sempre tivo presente o feminismo como piar fundamental, queremos proporcionar este espazo de debate e formación en forma de libroforum" declarou Uxía Couto.
Será un espazo aberto, no que poderán participar todas as mulleres e mozas que así o desexen. "Somos conscientes de que existen distintos enfoques cara ao feminismo e non queremos que iso sexa un impedimento á hora de participar no clube de lectura, todos os puntos de vista son benvidos" declarou Marta Gómez.
O clube de lectura terá a súa primeira xuntanza o luns 4 de febreiro ás 17:30 na Casa da Luz, na que se expoñerán os obxectivos do clube e se decidirá o primeiro libro a ler.
A segunda xuntanza será o día 22 de febreiro e será a presentación oficial do clube, nela contarase coa presenza da autora para o debate do libro e tamén coa presenza da portavoz nacional do BNG Ana Pontón. Porteriormente as xuntanzas realizaranse cunha periodicidade de cada 2 meses, sempre atendendo ás necesidades das integrantes do clube, en distintos locais da cidade de Pontevedra.