Pontevedra, a encher as tabernas de voces
Por Alejandro Espiño
Volven os Cantos de Taberna ás noites de Pontevedra. Este programa, que este ano cumpre a súa oitava edición, contará nesta ocasión con cinco citas, dez bares e cinco grupos. Todo cun mesmo obxectivo, fomentar a cultura recuperando unha forma de divertimento tradicional.
A nova edición desta actividade foi presentada este mércores no Concello pola concelleira de Festas, Carme da Silva, e por Xaquín Moreda, membro do grupo Maravallada.
Cantos de Taberna arranca o vindeiro venres 25 de xaneiro co grupo Son das Ondas, que percorrerá os bares Os Maristas y La Botica. O programa continuará todos últimos venres de cada mes ata maio.
As próximas citas serán:
- 22 de febreiro, Milano e La Casita: +Q Cantigas
- 29 de marzo, Brasilia e Machuco: No Cómbaro
- 26 de abril, Reixas e La Navarra: Trespés
- 31 de maio, Saudade e O Pavero: Maravallada
"Non se trata de actuacións. O que queremos é dar prioridade a voz, encher as tabernas de voces e por iso os grupos levan pouca instrumentación", explicou Moreda.
Co fin de animar á participación, repártense as letras das cantigas nos bares porque son moitas as persoas que tan só coñecen o primeiro retrouso mais non a cantiga completa.
Xustamente é un libro de cantigas o premio que recibe, ao final de Cantos de Taberna, a persoa ou grupo que máis se teña implicado e participado nas sucesivas citas do programa.