Pontevedra arroupa á xornalista Julia Varela na presentación da súa primeira novela
Por Redacción & Mónica Patxot
Ser profeta na túa propia terra non é nada fácil. Pero, sen dúbida, ese reto Julia Varela logrouno con creces. A librería Cronopios quedou pequena este xoves para acoller a todos os pontevedreses que quixeron arroupar á súa paisana na presentación da súa primeira novela, ¿Por qué me pido un gin-tonic si no me gusta?.
A xornalista, actual reporteira do programa Comando Actualidad de TVE, fixo un parón na súa apertada axenda e apenas unhas semanas antes de viaxar a Israel para comentar, por quinto ano consecutivo, o festival de Eurovisión para o ente público quixo reencontrarse co público pontevedrés para compartir con eles o seu ilusionante proxecto literario.
Acompañado por Alejandro Espiño, xornalista de PontevedraViva, Julia Varela quixo mostrar aos asistentes, moitos deles familiares e amigos, a historia de Olga Colmeiro, a protagonista dun libro que a través do humor reflicte as preocupacións reais que pode ter calquera trintañeira.
Os trinta e pico anos que ela sempre imaxinara como un horizonte de estabilidade comezan a zozobrar e apenas sabe como foi. A súa vida persoal e profesional dará un xiro inesperado que lle fará reformularse todo o que lle rodea. Iso si, non sen preguntarse se en realidade o que lle pasa é que empezou a sucumbir ao que todo o mundo espera dela.
Durante máis de media hora, a xornalista explicou en que se inspirou para contar a historia de Olga, a forma na que aborda a maternidade no libro, de que maneira influíra o seu traballo como reporteira de televisión á hora de abordar esta novela ou como lograra compaxinar a súa vida laboral e familiar co proceso de escritura.
Ademais, Julia Varela -que estivo máis dunha hora asinando libros aos asistentes- tamén respondeu as preguntas do público, que lle animou a escribir en galego, preguntáronlle con que personaxe identifícase máis e, como non, tamén sobre a súa próxima experiencia no festival europeo da canción.