Letras Galegas 2019: Antonio Fraguas, o home que contribuíu a dignificar o galego
Por Redacción
"Eu traballei sempre por e para Galicia. Unhas veces acertei, outras non; pero en todo canto levo feito puxen sempre toda a miña ilusión, todo o pouco que sei, sen esperar nunca nada a cambio"
Estas palabras escritas por Antonio Fraguas son unha clara mostra de por que a Real Academia Galega decidiu dedicar o Día das Letras Galegas a este escritor, historiador, antropólogo e etnógrafo, natural de Cotobade. Foi un home cunha profunda inquietude cultural que contribuíu de maneira decisiva a dignificar o idioma galego.
Antonio Fraguas naceu na parroquia de Loureiro o 28 de decembro de 1905. O seu pai, canteiro de profesión, viuse obrigado a emigrar a Brasil antes do nacemento do seu fillo, ao que recoñeceu sete anos despois tras o seu regreso a Galicia.
Desde moi novo demostrou unha gran capacidade para o estudo e durante a súa etapa de formación en Pontevedra tivo como docentes a Castelao ou Antón Losada Diéguez, que foron determinantes no seu achegamento ao galeguismo.
A década dos anos 20 foi especialmente intensa para el. Fundou, xunto a outros estudantes, a Sociedade da Lingua, co obxectivo de defender o galego e redactar un dicionario e, xa en Santiago -cidade á que chegou para estudar Filosofía e Letras- afiliouse ás Irmandades da Fala e ingresou no Seminario de Estudos Galegos.
Acabada a carreira comezou a dar clase, primeiro na Facultade de Xeografía e Historia e despois no instituto da Estrada, casou con Teresa Martínez Magariños e, no ámbito político, integrouse no Partido Galeguista coa chegada da República e participou activamente na campaña polo Estatuto de Autonomía.
Debido a esta actividade política, foi perseguido tras o golpe de estado de 1936 e foi apartado do seu traballo. Catorce anos despois logrou regresar á docencia e impartiu clase en Lugo e, posteriormente, no instituto Rosalía de Castro de Santiago, onde se xubilou en 1975.
A persecución política e a ditadura franquista non reduciron o seu compromiso con Galicia e Antonio Fraguas seguiu colaborando en iniciativas a favor da cultura galega. Así, foi membro da Real Academia Galega, secretario do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos ou fundador do Padroado Rosalía de Castro, entre outros cargos.
Tras a morte de Franco, participou na creación do Museo do Pobo Galego, do que foi director e cuxo padroado presidiu máis tarde, e ingresou como membro no Consello da Cultura Galega. En 1992, a Xunta de Galicia nomeouno cronista oficial de Galicia. Sete anos despois, o 5 de novembro de 1999, faleceu en Santiago de Compostela.
Na súa faceta literaria, Antón Fraguas destacou como investigador nos campos da historia, a etnografía ou o folclore. O seu traballo está recollido en numerosas publicacións, fundamentalmente revistas ou obras colectivas.
A pesar diso, tamén publicou un considerable número de monografías, moitas aínda referencias nos seus respectivos ámbitos, entre elas as dedicadas á xeografía galega, ao entroido, ás romarías e festas de Galicia ou ao cancioneiro popular da súa terra, Cotobade.
ACTOS EN COTOBADE
As institucións políticas e culturais galegas renden este venres unha homenaxe ao etnógrafo Antonio Fraguas. Será nun espazo crave na traxectoria do distinguido este 17M, a escola na que por primeira vez un profesor soubo ver o potencial dun neno que acabaría sendo un docente moi querido por moitas xeracións de alumnos.
Así, o pleno extraordinario da Real Academia Galega que se celebrará o 17 de maio para conmemorar o Dïa dás Letras Galegas terá lugar na carballeira de Famelga, na parroquia de Augasantas. Desta forma, este acto realizarase ao pé da escola, un espazo fundamental na traxectoria de Antonio Fraguas, a figura homenaxeada este ano.
No acto, que comezará ás 11.30 horas, intervirán os académicos Clodio González Pérez, Fina Casalderrey e Francisco Díaz-Fierros Viqueira.
A continuación, ás 12.45 horas, a Xunta de Galicia celebrará o seu acto institucional polo Día das Letras Galegas tamén en Cotobade, no seu caso, na Praza da Chan situada en Carballedo.
Relacionadas:
-
'Os Animais de Fraguas', libro inédito do autor cotobadés cos deseños de Kiko da Silva e Miguelanxo Prado
Por Redacción |
-
RADIO.- Rosario Álvarez Blanco: "Pontevedra ten unha tradición culta que poucas cidades teñen"
Por Marisa Ciordia |
-
O 2019 garda a lembranza de Antonio Fraguas, abre o futuro do Museo e deixa a pegada de James Rhodes e Rozalén
Por Diego Torrado & Mónica Patxot & Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Piden que unha praza de Cotobade leve o nome de Antonio Fraguas
Por Redacción |
-
Unha alfombra floral recorda en Pontevedra a Antonio Fraguas no Día das Letras Galegas
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Feijóo reivindica o legado de Fraguas fronte os que usan o galego para "disgregar e sementar a discordia"
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
As letras galegas louvan o traballo de Antonio Fraguas na recuperación da memoria colectiva
Por Alejandro Espiño |
-
Presentan un documental e un vídeoclip sobre a figura de Antonio Fraguas
Por Anxo Lourido |
-
O alumnado do IES de Cotobade conta nun vídeo a vida de Antonio Fraguas
Por Redacción |
-
A carballeira de Famelga en Cerdedo-Cotobade acollerá o pleno extraordinario da Real Academia Galega o 17 de maio
Por Redacción |