A autoedición, saída para os máis de 30 artistas e creativos que participarán nas II Xornadas Grapo Grapo
Por Alejandro Espiño
A autoedición converteuse nos últimos anos nunha ferramenta básica para a publicación do traballo de moitos artistas. A crise obrigou a moitos a agudizar o enxeño para poder dar saída ás súas creacións gráficas e culturais. Unha mostra de todo ese traballo é o que poderemos contemplar nas II Xornadas de Autoedición Grapo Grapo, que organiza o Liceo Mutante os vindeiros 21 e 22 de xuño.
Acollerá unha chea de artistas e editores chegados dende todas as esquinas do país e que teñen en común a súa aposta pola autoedición como vía de comunicación.
Centrado na autoedición gráfica e sonora, o Grapo Grapo acollerá propostas relacionadas coa arte, a ilustración, a fotografía, o deseño, a banda deseñada, a música, o graffiti, o punk, o skate, o ensaio ou a poesía, en forma de fanzines, libros, discos, serigrafías, debuxos, camisolas ou carteis.
Son todas elas propostas que, segundo o Liceo Mutante, "viven transitando polas marxes con alegría, creando os seus propios camiños entre as silveiras, sen pretensións mesiánicas nin discursos de xustificación".
A programación destas II Xornadas Grapo Grapo é a seguinte:
VENRES 21
- 18.00/23.00 horas: GRAN FEIRA GRAPO GRAPO.
- 20.00 horas. Performance sonora do Sr. AnidoNIDO, figura esencial do panorama underground galego.
SÁBADO 22
- 10.30/13.30 horas e 16.00/18.00 horas: Obradoiro Cinemademente, unha iniciativa que é máis ca un obradoiro arredor do cine, é todo un laboratorio de experimentación. Mediante unha práctica totalmente artesanal os participantes intervirán películas antigas (8 mm e 35 mm) dando lugar a novos filmes nos que o xesto, a cor e a imaxinación tomarán o papel protagonista. Prezo: 11 euros, incluíndo materiais.
- 14.00 horas: Comida de confraternización.
- 17.00 horas/23.00 horas: GRAN FEIRA GRAPO GRAPO.
- 20.00 horas: Recital poético de Fantasmage.
- 22.00 horas: Apocalíptica Rifa Final. A nosa gran especialidade do Liceo Mutante, a rifa descacharrante, onde sortearemos toneladas de regalos donados polos participantes, ademáis de parafernalia do Liceo e sorpresas de alto contido simbólico.
As II Xornadas Grapo Grapo son de entrada libre. Para coñecer aos participantes nesta iniciativa, o Liceo Mutante habilitou un blog no que hai dispoñible información máis concreta dos artistas que virán a Pontevedra, así como enlaces ás súas webs e información adicional.