O ciclo 'Docs do Mes' regresa o vindeiro luns ao Teatro Principal
Por Redacción
Co inicio do novo curso académico tamén volve a programación de cinema documental que promove o Concello xunto coa Vicerreitoría do campus cada mes no Teatro Principal.
Desde 2018, Pontevedra é unha das 70 cidades de España e América Latina que forman parte da rede DocsBarcelona del Mes e que traerá ao Teatro Principal catro novas citas co cinema documental de aquí a decembro.
As proxeccións son en versión orixinal con subtítulos en castelán e a entrada libre ata completar aforo.
'Womanhood' será a primeira proxección que se fará o vindeiro luns 23 de setembro ás 20:30 horas. O cineasta Beryl Magoko, premiado en diferentes festivais, presenta a película como unha viaxe emocional da propia directora, vítima da mutilación xenital feminina na súa infancia en Kenya.
A seguinte cita será o 21 de outubro coa proxección de 'Push', documental do director e xornalista sueco Fredrik Gertten, que, a través da relatora especial en vivenda da Onu, Leilani Farha, propón unha viaxe por diferentes países tratando de comprender quen está a ser expulsado das cidades e por que.
O luns 4 de novembro chega a quenda de 'What Walaa wants', documental no que Christy Garland relata a historia de Walaa, unha das poucas mulleres policía nas forzas de seguridade palestinas.
Por último, o 16 de decembro, o Teatro Principal acollerá a exhibición de 'When tomatoes met Wagner', documental no que a directora Marianna Economou aborda a historia de dous habitantes dunha illada vila de Grecia que, no contexto da crise económica deciden poñer en marcha unha plantación de tomates orgánicos.
Preto de 500 persoas asitieron ao Teatro Principal ás proxeccións programadas entre xaneiro e xuño no marco deste ciclo, que, segundo explica Manuel Morquecho, director da área de Cultura Educativa e de Integración do campus, "dános a posibilidade de ter documentais moi variados e con premios internacionais".