Un renovado Shakespeare 'á galega' abre esta noite o ciclo Ponteatro
Por Redacción
A compañía Producións Teatrais Excéntricas será a encargada de abrir unha nova edición do ciclo Ponteatro. Será co seu novo espectáculo Medida x Medida, que adapta a derradeira comedia negra do dramaturgo inglés William Shakespeare. A función será este xoves, ás 21.00 horas, no Teatro Principal de Pontevedra.
A obra, dirixida por Quico Cadaval, é un thriller divertido, dramático e musical protagonizado por Melania Cruz, Evaristo Calvo, Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira, Josito Porto, María Costas, Santi Romay e Bernardo Martínez.
A acción achega ao espectador a unha Viena surrealista inventada por Shakespeare. O mandatario Duque Vincenzo pasa á clandestinidade e manda aplicar con todo rigor a lei contra os comportamentos inmorais, que afecta por igual o negocio do sexo e a xuventude hedonista.
Por iso, un mozo de boa familia é condenado a morte. Isto obriga a Isabella, a súa irmá monxa, a abandonar o convento por tres días coa tentativa de salvar a vida do seu pecadento irmán.
Pero un mundo de vicio, perversidade e corrupción tentarán lixar a súa brancura virxinal. Palacios, cadeas e arrabaldes serán o labirinto que percorre Isabella na súa carreira contra a morte. E todo iso observado dende as sombras polo Duque Vincenzo, irrecoñecible baixo o hábito de frade mendicante.
As entradas para esta función aínda se poden adquirir na plataforma Ataquilla.com e, desde dúas horas antes do inicio do espectáculo, na billeteira do Teatro Principal.