Oliver Laxe, en Pontevedra: "Pode gustar máis ou menos, pero 'O que arde' era unha película necesaria"
Por Alejandro Espiño
Vinte mil espectadores en apenas unha semana viron xa O que arde. "É un exitazo para nós porque é moi difícil competir coas películas que están na carteleira", destaca o seu director, o galego Óliver Laxe, que este xoves estivo nos cinemas de Pontevedra para presentar un filme aclamado pola crítica e recoñecido internacionalmente.
A pesar de que, actualmente, tan só se pode ver en 49 salas de toda España -19 delas en Galicia-, O que arde situouse entre as dez películas máis taquilleiras do país. Todo un logro para unha produción que ten unha distribución tan modesta. "É mérito voso", dixo Laxe aos espectadores pontevedreses. "Estades respondendo moi xenerosamente", engadiu.
Esta resposta permitiu, por unha banda, que a película teña garantida unha segunda semana de exhibición en Pontevedra e, ademais, conseguise coarse na carreira para estar nos próximos Premios Goya, algo complicado para un filme rodado en galego. "Non podo estar máis contento", afirmou o director antes da proxección da súa película.
"Dá gusto ver tanta xente", dixo Óliver Laxe aos espectadores que enchían o patio de butacas da sala, aos que pediu que visen a película "coa pel" en lugar de vela coa cabeza, para "poñerse cómodos" e que a historia que conta, a relación "de amor e dor" entre unha nai e un fillo cos incendios forestais como pano de fondo, puidese "penetrar" en todos eles.
Tras a presentación, o director relatou a PontevedraViva que o éxito desta película está a ser "inesperado", aínda que engadiu que "eu sempre confío no cinema que fago e confío no espectador". Iso si, recoñece que "fun túzaro" con esta película rodada en Galicia, nos Ancares lucenses, e "demos coa tecla e está a gustar moitísimo".
Considera que O que arde é unha "película espello" porque o público "estase vendo reflectido" nela, xa que o gran protagonismo que ten o monte, o campo e o mundo rural galego fai que os espectadores vexan nela "ecos do pasado, do presente ou da familia".
"É unha película na que o que florece é o amor dunha nai polo seu fillo e como o fillo coida dela", explica Óliver Laxe, que destaca que a pesar de ser unha "historia moi galega" en países tan dispares como Rusia, Israel, Alemaña, Estados Unidos ou Canadá "a xente dime que Benedicta -a anciá protagonista- lémbralles á súa avoa".
Con Benedicta e Amador, o seu fillo en ficción, "houbo que traballar desde cero" xa que nunca antes pensaran sequera en converterse en actores. A pesar diso, sinala Laxe, fixeron un traballazo" e foron "moi dedicados e leais" ao proxecto, mesmo achegando ideas das súas vidas cotiás, ela como campesiña e el como axente forestal, que enriqueceron a historia.
"Á marxe de que che poida gustar máis ou menos, era unha película necesaria. Esta película non a fai Oliver Laxe. Emana dunha necesidade, dun berro dá sociedade, dá sensibilidade dunha época e dunha xeración que se plasma na película", indica.
O que arde será, segundo algúns críticos, unha película crave no audiovisual galego, un punto de inflexión como foi no seu día Sempre Xonxa. O seu director, en todo caso, destaca que por primeira vez na historia da cultura galega, Galicia conta cunha "diversidade de creadores" que contan co "beneplácito" das vangardas internacionais.
En Cannes, Toronto, Berlín ou Locarno, os principais festivais de cine, "estase falando do que está a pasar en Galicia"
"Estamos conectados e xa visibilizados como un movemento de cinema en Galicia", afirma o responsable de películas aclamadas en festivais de todo o mundo como Todos vós sodes capitáns ou Mimosas. En Cannes, Toronto, Berlín ou Locarno, engade, "estase falando do que está a pasar en Galicia", polo que reclama "seguir traballando" nesa liña.
Centrado agora na presentación desta película, Óliver Laxe traballa xa no que será o seu próximo proxecto cinematográfico. "Será unha película máis grande e internacional que vou a ir facendo pouco a pouco", desvela, aínda que a súa idea é "manter un equilibrio" e seguir rodando unha película fóra de Galicia e outra en territorio galego.
A pesar diso, os seus plans artísticos quedarán aparcados un tempo. Asegura que os próximos "dous ou tres anos" investirá todo o seu "tempo e enerxía" nun centro pedagóxico que impulsará nos Ancares. Nel, organizará uns doce eventos culturais ao ano co obxectivo de que o rural "non morra" e contribuír a asentar poboación.
"Facer cine está ben pero quero facer cousas máis tanxibles", apunta para concluír a conversación con PontevedraViva e poñer rumbo a Vigo onde tamén o esperaban para un dos pases dunha película que vai camiño de bater todos os records nun audiovisual galego que, paso a paso, está a demostrar todo o seu potencial.