O público do Culturgal premia un festival multidisciplinar que se celebra no Courel
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Festival dos Eidos, un evento cultural multidisciplinar que a Fundación Uxío Novoneyra promove no Courel desde 2015, recibirá o Premio do Público de Culturgal 2019.
A súa foi a candidatura máis votada ao acumular 819 apoios entre os máis de 1.600 votos recibidos a través da páxina web do festival. Os outros dous candidatos eran o festival Novos Cinemas de Pontevedra e o Club Clavicémbalo de Lugo.
O festival, segundo os seus impulsores, é unha celebración da poesía, da natureza e das artes en xeral que vai medrando e espallando a súa actividade ao longo de todo o ano, ao redor da casa natal do poeta que inmortalizou O Courel como territorio literario universal.
Propón tres días de programación cultural de diferentes expresións artísticas ligadas á literatura: recitais, concertos, artes escénicas e do corpo, roteiros e visitas guiadas, obradoiros, actividades para rapazada e exposicións.
A poesía de Xosé Luis Méndez Ferrín, Pablo Fidalgo, Fátima N. Delgado, Nieves Neira e Rafa Lobelle, a música de Emilio José, O'Leo de Matamá, Selvática ou Laura Lamontange, ou a homenaxe a Carlos Oroza cos pintores Antón Patiño e Antón Lamazares foron algunhas das propostas da súa última edición, celebrada o pasado mes de agosto.
O premio ao Festival dos Eidos entregarase no Pazo da Cultura de Pontevedra o domingo 1 de decembro, ás 17:45 horas, durante a xornada de peche da feira das industrias culturais de Galicia.