Abre a Casa SonRías: músicos cociñando os seus platos favoritos no Festival SonRías Baixas
Por Redacción
O Festival SonRías Baixas acollerá na súa XII edición a casa de xantares máis musical e innovadora, a Casa SonRías. Levados pola súa paixón pola música e a cociña, a organización do festival abrirá as portas deste orixinal restaurante no que cociñan os músicos. A Casa SonRías estará aberta ao público xeral, para que todas as persoas que o desexen poidan vivir esta experiencia única, aínda que non teñan previsto asistir aos concertos da noite.
Nun lugar destacado do recinto, os asistentes poderán ver aos músicos cociñeiros en acción, preparando os pratos escollidos por eles mesmos. Estes chefs de excepción serán Juankar, voz e baixista da banda madrileña Boikot, que actúan no marco do certame o día anterior; o guitarrista e compositor vigués Fon Román e mailo pianista e cineasta coruñés Enrique Otero, á fronte de Banda Crebinsky. Tres talentos cos instrumentos nos escenarios e nas cociñas.
O trío de músicos cociñeiros acenderá os fogóns do Casa SonRías ás 12 horas do sábado 3 de agosto. Entre ensaios e a xira do último disco de Boikot, Lágrimas de rabia (2012), Juankar leva días practicando unhas saborosas tostas de lacón con grelos, cachelos e crema de tetilla, unha escolma de especialidades tradicionais galegas coas que o músico madrileño fai unha declaración de amor á nosa terra.
Fon Román, consumado gourmet, ex-membro de Piratas, autor de dous discos en solitario e que vén de estrear un documental, Pop Artesanal (2013), sobre a súa xira de concertos máis recente e o seu método de traballo, decántase por unha das súas especialidades: o arroz con ameixas e berberechos, ideal para degustar a carón do mar.
O océano Atlántico é tamén elemento inspirador para Enrique Otero, realizador de cine e de TV, antigo integrante de Kozmic Muffin, autor de dous discos con Banda Crebinsky e director da longametraxe Crebinsky (2011), quen deleitará aos asistentes co seu persoal arroz acompañado de vieiras e de coquinas.
Cociñarán de cara ao público e de seguro que haberá algunha sorpresa, alén de amosar a súa habilidade entre potas e coitelos. Despois, os pratos dos músicos cociñeiros serán despachados en formato tapa, en número limitado e a prezos moi axustados (1,50 euros). Unha degustación exclusiva e orixinal que pode ter continuación nos demais postos de gastronomía galega que haberá no recinto do festival.
UN RESTAURANTE PENSANDO POR E PARA 'FESTIVALEIROS'
Para desenvolver esta iniciativa, a Asociación Troula na Banda conta co apoio de Muebles del Río, distribuidor oficial de Cocinas Santos, e máis da xornalista Teresa Cuíñas, reporteira na TVG, colaboradora na sección de Cultura de El País e creadora do blog rockandcook.es, unha páxina persoal na que vencella música e cociña a través de entrevistas a músicos e a cociñeiros, receitas con comentarios musicais e colaboracións doutros xornalistas e blogueiros interesados neste cruzamento de paixóns. Xuntos ofreceranlles aos festivaleiros un novo prato que combina dúas paixóns inseparables: música e gastronomía.
Aproveitando a tradición culinaria da terra e maila excelencia deste porto de mar, a organización complementa así cun novidoso programa gastronómico as máis de 20 horas de concertos, encabezados por The Toy Dolls, Talco, Los Enemigos, Riot Propaganda, Boikot e Rulo y La Contrabanda. A participación galega virá da man de Dakidarría, Foxy Freire, e das bandas gañadoras do I Concurso SonRías Baixas: Agoraphobia e os pontevedreses Vortex e ¡Qué desilusión! Pecharán as noites, tralos pratos, Faber e Cristian Domínguez.