O Cineclube estrea o mes de decembro con 'Trote', de Xacio Baño
![Enrique](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/6cd/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5d8fdbc7c1-5d8e27873e-fotoperfil.jpeg)
Por Enrique Morales
Non hai descanso para os afeccionados ao cinema na capital. Despois da sólida oferta audiovisual da que puidemos desfrutar no Culturgal, o Cineclube de Pontevedra volve á carga coa súa programación para o mes de decembro. E para iso, o próximo luns 2 de decembro proxectará 'Trote', de Xacio Baño, á hora e lugar habituais: ás 20.30 no Teatro Principal cun prezo de entrada de dous euros.
'Trote' transpórtanos a un dobre momento, un reencontro familiar tras unha traxedia durante os días nos que se celebra a rapa das bestas. Carme, a súa protagonista, comeza a cuestionarse o seu futuro cando o regreso do seu irmán maior evidencia o seu rol servizal na familia. Unha sensación que discorre paralela á natureza animal dos cabalos por escapar dos deseos humanos. Atopámonos ante a ópera prima de Xacio Baño, o seu director e unha das voces máis prometedoras do panorama audiovisual galego, que firma unha cinta de minimalismo narrativo na que os silencios e as accións cotiás tansmiten o estado no que se atopan os seus protagonistas.
Ficha
Título: Trote
Director: Xacio Baño
Ano: 2018
País: España
Duración: 83 minutos
Idioma: Galego