Chévere regresa a Pontevedra para amosar a curva na que se matou España
Por Redacción
Un crime aparentemente sen resolver. É o punto de partida de Curva España, a nova obra da compañía galega Chévere.
Será a encargada de abrir a tempada teatral de 2020 en Pontevedra. O público poderá vela o venres 17 de xaneiro, ás 20.30 horas, no auditorio de Afundación.
Curva España está dirixida por XRon e conta cun reparto integrado por Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Lucía Estévez e Leticia T. Blanco.
A obra traslada aos espectadores a unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre os seus autores, motivacións e consecuencias.
A partir da existencia de distintas versións sobre o caso, articúlase unha peza que ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cinema en directo.
O espectáculo bebe do xénero policial e funciona como unha alegoría da construción da estado nación español coma se fose a promesa dun tren que nunca chegou.
Porque a esta zona apartada, lembra a compañía teatral, España apenas chegou en forma de mito e o mito fala da súa morte nunha curva.