Vilagarcía de Arousa acolle a exposición itinerante sobre Roberto Vidal Bolaño
Por Aitana Vidal
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación Roberto Vidal Bolaño levan ata Vilagarcía de Arousa a exposición sobre o autor homenaxeado nas Letras Galegas 2013. Logo do seu paso pola Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a exposición difundirá a vida e a obra do dramaturgo ata o próximo 31 de xullo no auditorio municipal de Vilagarcía de Arousa, un dos concellos da Rede de Dinamización Lingüística polos que itinerará a mostra.
Promovida polas secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, a exposición, que foi presentada este martes polo responsable de Cultura, Anxo Lorenzo, e polo alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole, amosa unha panorámica da traxectoria do dramaturgo cunha proposta de dez paneis que recollen a súa extensa obra con textos e imaxes dos seus espectáculos e personaxes, así como indicacións escenográficas e de dirección.
Segundo explicou Anxo Lorenzo na rolda de prensa, que tamén contou coa participación do concelleiro de Cultura, Francisco González Mariño, a exposición enmárcase no programa de actividades impulsado pola Xunta de Galicia para conmemorar as Letras Galegas 2013 e ten como obxectivo favorecer un maior coñecemento entre a cidadanía do autor, a través da súa escrita, da súa faceta interpretativa, do seu traballo como director e tamén da actividade desenvolvida no ámbito do audiovisual galego.
A exposición Roberto Vidal Bolaño 2013 iniciou o seu percorrido polas catro provincias galegas en Santiago de Compostela, o pasado 14 de xuño. No mes de decembro chegará a biblioteca nodal de Pontevedra.