Ángeles Alvariño é a quinta protagonista da iniciativa didáctica 'Aprende coas Mulleres Galegas'
Por Redacción
'Aprende coas Mulleres Galegas' segue poñendo ao dispor da poboación outra das súas unidades didácticas para ocupar tempo libre nesta tesitura de confinamento. Trátase dunha proposta promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade que na súa quinta entrega ten como protagonista á oceanógrafa ferrolá Ángeles Alvariño. Pretende dar a coñecer a vida de mulleres galegas que destacaron en diferentes campos profesionais.
Nesta entrega ofrécese unha breve biografía na que se descobre a unha científica de proxección internacional cun legado como o descubrimento de 22 novas especies de zooplacton, ademais dunha muller incansable, xa que continuou co seu labor investigador mesmo despois da súa xubilación.
A unidade didáctica, que se pode descargar e imprimir propón igualmente reflexionar, investigar, colorear e debuxar, realizar prácticas de axilidade cerebral como sopas de letras ou actualizar os coñecementos xeográficos. As ilustracións corresponden a Tania Solla, mentres que os textos corresponden a Polo Correo do Vento.
As anteriores unidades de 'Aprende coas Mulleres Galegas' estaban dedicadas a Maruja Mallo, María Vitoria Moreno, Concepción Arenal e Ángela Ruiz.