O Museo organiza contos virtuais para os pequenos durante o mes de maio
Por Redacción
A partir do próximo sábado 9, e durante os restantes sábados de maio, os máis pequenos dispoñerán doutra actividade lúdica e cultural a pedimento do Museo Provincial. Trátase de 'Contos confinados', sesións de contacontos virtuais que se ofrecerán ás 12.00 horas a través da páxina web deste organismo e do seu perfil de Facebook.
Serán artistas locais de animación os encargados desta proposta de entretemento: Migallas Teatro, Polo Correo do Vento, Beatriz Campos e Felipe Díaz 'Caxoto' A trastenda dos contos. Estas pezas tamén foron gravadas desde o confinamento dos propios artistas, usando os medios dos que podían dispoñer.
Os 'Contos confinados' inclúen ademais de narracións, cancións ou talleres de debuxo para que os seus seguidores poidan facelos seguindo as indicacións que ofrecen nos vídeos. Outro engadido da iniciativa é que as actuacións previstas están ademais interpretadas en lingua de signos pola Organización de Diversidade Funcional de Galicia (XOGA).
Xosé Manuel Rey, director do Museo, sinalou que o programa pretende "por unha banda, tentar manter aquelas iniciativas que forman parte habitualmente do programa lúdico cultural que o Museo de Pontevedra dedica ás nenas e nenos; e por outra, seguir apoiando ao sector cultural nun momento de incerteza como o que se está vivindo".